01 Dec Polos nosos “Motivos Para Brindar”
No ano 2013 iniciamos unha aventura: descubrir os motivos para brindar de xente de toda Galicia. Xente sorprendente e con cousas polas que brindar, polas que xuntarse e polas que compartir un bo momento. Daquela non sabiamos cara onde nos ia levar esa aventura. Aquí están os pioneiros e pioneiras desa aventura.
POLAS EMPRENDEDORAS
Lola Bautista, unha moza de A Coruña, representa ás centos de emprendedoras que, cada ano, deciden montar o seu propio negocio. En medio da crise, como moitos outros galegos, non dubidou en dar un paso adiante e perseguir o seu soño.
En Kiloprendas, a súa tenda, o modelo de negocio é ben curioso. Mercan e venden a roupa ao peso. Un xeito diferente de cambiar o teu armario. Tanto ten que sexan as cousas que xa non te pos, ou que esteas na procura dese complemento perfecto para o teu vestiario. En Kiloprendas dan saída a todas as necesidades.
E Gran Alanís, o noso viño, é o complemento perfecto para a celebración dos moitos éxitos que, de seguro, terá no futuro.
POR ADOPTAR UN CAN
As voluntarias e adoptantes do refuxio “Os Biosbardos” atoparon uns amigos moi especiais: os seus cans. Animais que no seu momento foron abandoados e que grazas ao seu traballo, día a día, son coidados e atopan un novo fogar.
Elas cóntannos as súas historias, como coñeceron aos que xa son, de pleno dereito, un membro máis das súas familias. E como loitan todos os días por sacar adiante o seu proxecto case sen apoios.
Agora que está próximo o Nadal, que mellor motivo para brindar que axudar a concienciar á xente da necesidade de tomar moi en serio a decisión de aumentar a familia. E da importancia de, antes de mercar un animal, achegarse á túa protectora máis próxima e coñecer a todos eses amigos que tamén precisan un fogar. E que de seguro vano agradecer con moito cariño.
Rectoral do Umia, súmase ao seu brinde, porque cada “peludito” atope o seu lugar.
POLAS NOSAS CORAIS
María e os seus compañeiros e compañeiras da Coral de A Bola son un exemplo dos centos de corais que hai en Galicia. Agrupacións que con moita dedicación, e tamén unha chea de risas, gozan da música.
Colectivos que todos os anos se multiplican. Onde xente nova, e “eternos mozos”, comparten unhas horas á semana para ensaiar e cantar. Unha peza fundamental da dinamización dos nosos lugares e barrios. Unha mostra de que cantando todo se pasa mellor.
O seu obxectivo non é gañar ningún concurso, nin gravar un disco. O seu motivo para brindar é seguir xuntos, pasándoo ben e entretendo aos demáis coas súas cantigas e risas.
Viña do Val quixo sumarse a unha das súas xuntanzas, para celebrar todos xuntos, que hai moito que cantar e moito que celebrar
Coral de A Bola
POLOS DEMÁIS
Os rapaces e rapazas de “Ponte Solidario” son un exemplos da mocidade implicada. Fai uns meses decidiron dedicar o seu tempo, non ao seu propio lecer, senón a axudar aos demais.
Con moita ilusión e traballo, montaron “Ponte Solidario”, un colectivo no que tentan axudar á xente que teñen máis próxima: os veciños de Ponteareas en risco de exclusión social.
Non soamente recollen alimentos e roupa, senón que tamén procuran axudar en proxectos como “Dar Máis”, onde dán aloxamento no medio rural a persoas en risco de exclusión social, principalmente con problemas psiquiátricos. Ou “Educación Solidaria”, onde recollen e distribúen material escolar para os pequenos e pequenas con máis necesidades.
Rectoral de Amandi quere sumarse a súa iniciativa e brindar porque o seu exemplo sirva a todos os galegos e galegas. Por que, como eles mesmos dín “se todos sumamos un pouquiño, conseguímolo”.
POLO DEPORTE FEMININO
As rapazas do C.R.A.T de A Coruña queren festexar xunto ao seu adestrador os éxitos colleitados neste ano. Un ano no que foron galardoadas co premio ao “Mellor Equipo Feminino de Galicia 2012”.
Son un exemplo de forza, pero sobre todo de dedicación e de romper barreiras. Por amosar que moitos dos tópicos que temos na cabeza, están únicamente aí, non no mundo real.
Rapazas que, como o seu propio adestrador di, estan ao máximo nivel nacional neste deporte. E que, sen elas querelo, son un exemplo para moitas e moitos.
Miudiño quere brindar con elas polos seus éxitos presentes e futuros. E por que continúen co bo humor e ledicia que levan ao campo, por moitos anos.
No Comments