Entrevista a Iria Sobrado: «O teatro ten un feedback máis directo co público»

Entrevista a Iria Sobrado: «O teatro ten un feedback máis directo co público»

Entrevista a Iria Sobrado: «O teatro ten un feedback máis directo co público»

Compartir:

Entrevistamos a Iria Sobrado

 

Iria Sobrado é unha das caras máis coñecidas da escena e o audiovisual galego. Rectoral de Amandi, na súa aposta por apoiar iniciativas culturais levadas a cabo en Galicia, ten colaborado con diversas propostas nas que Iria participa: a  premiada obra de teatro «Raclette», a súa performance «Brindis» e agora «O estado crú». Falamos coa caprichosa «Mónica» da exitosa serie da Galega «Pazo de familia» e atopamos, ademais dunha muller encantadora, unha profesional de pura cepa. 

 

Este sábado estreas «O estado crú» na Fundación Luis Seoane e, polo que dixeches, deixáronche «carta branca». Como recibes esta confianza?
«O estado Cru» enmárcase dentro do ciclo «O Teatriño» comisariado por Camilo Franco e a súa orixe é esa: presentar un traballo totalmente libre sobre o que para ti é ser actriz. Unha carta branca é un regalo marabilloso e envelenado tamén, porque non hai nada previo ao que agarrarse e ademais todo o espectáculo (iluminación, vestiario, escenografía) dependen de ti, e preténdese que aporten só un mínimo ao traballo, é dicir, que o «forte» do traballo sexa a proposta da actriz, cos mínimos artificios posibles. Vai ser unha función única, nace e morre ese día.

Fálanos un pouquiño de «O estado crú».
Nace coa idea de poñer en escena algúns textos que a min me gustan moito pero que, se cadra, non son especialmente dramatúrxicos. Son textos moi poéticos e todo o que vai rodear á proposta vai encamiñado nesa dirección, e tamén haberá unha parte máis performativa mesturada co traballo do texto.Entrevistamos a Iria Sobrado

Teatro, televisión, series de éxito como «Pazo de familia». Cal é o segredo para manterse en pé como actriz?
Perseverar e crer no que fas e, aínda así, é realmente difícil vivir desta profesión. Temos unhas cifras de paro no sector, especialmente nas mulleres, que son alarmantes.

Como che dicía, son anos véndote tras dunha pantalla pero tamén estás a ter moita presenza no teatro. Onde notas máis o cariño do público?
Ámbolos dous públicos son moi cariñosos e ademais, ultimamente, está habendo trasvase do público da televisión ao público do teatro e á inversa. Iso paréceme moi positivo, porque o traballo dos actores e actrices é moi diferente en cada ámbito, pero no fondo hai algo moi potente conectándoo todo. A xente é realmente encantadora. Con todo, o teatro, ao estar en contacto co espectador, ten un feedback máis directo, porque a xente pode achegarse a nós ao rematar a función. Nunha das funcións de «Raclette» en Barcelona, unha espectadora interrompeu o medio do aplauso para dicir que fora o mellor que vira en moito tempo. Foi moi emocionante.

Como integrante da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, cal dirías que é o seu labor?
A Asociación nace para asesorar e defender os dereitos dos e das traballadoras desta profesión, é ademais un sindicato, así que ese punto é fundamental. Ademais organizamos cursos de formación e actividades paralelas encamiñadas á mellora e visibilidade do sector. Ademais de organizar os Premios María Casares, para poñer en valor e visibilizar o teatro feito aquí.

Es unha gran defensora do audiovisual galego. Cóntanos, que debemos e podemos facer nós por el?
Pois supoño que o primeiro é consumilo, fanse productos moi bos, aínda que deberamos dispor de máis orzamento para traballar con mellores condicións para todos e todas, isto repercute no resultado, obviamente. E visibilizalo dalgún xeito, poñelo en valor porque realmente o ten. E non deberiamos esquecer que o audiovisual galego existe porque é en galego, defendamos o idioma!

 

Entrevistamos a Iria Sobrado

 

«Secar as dúbidas ao sol
abertas en canal
a peito descuberto

Coa valentía de asumir os restos
e as súas arganas

Non ser a mesma 
mudar a codia
que envolve a espiña atravesada no peito

Coa franqueza de facerme vulnerable ás sombras 
e habitar constantemente un corpo ingrávido

Na véspera da devastación

O tempo é mentira».

– O estado crú

 

Compartir:
Sin comentarios

Responder
Este formulario recopila tu nombre, correo electrónico y contenido para que podamos realizar un seguimiento de los comentarios dejados en la web. Para más información revisa nuestra Política de Privacidad, donde encontrarás más información sobre dónde, cómo y por qué almacenamos tus datos.